terça-feira, 17 de setembro de 2013

The Georgian Times entrevista a Grover Furr: Stalin, Ezhov, Trotski...


The Georgian Times
16/09/10

Georgian Times: Dr. Furr, bo día. Gustaríame comezar
pedíndolle que describa o enfoque que emprega para
investigar a historia da URSS.

Grover Furr: Grazas.

Quixera empezar dicindo que me esforzo, sobre todo, por
ser obxectivo en todas as miñas investigacións. Pulo por
descubrir a verdade, seguindo as evidencias dispoñíbeis
e a súa mellor interpretación.

Como medievalista, fun educado por bons profesores para
ser obxectivo. Como os estudantes de ciencias físicas,
aprendemos a recoller todas as probas relevantes sobre
un tema para, despois, basearen as nosas deducións e
conclusións sobre estas probas. Souben do importante que
é cuestionar os meus propios prexuízos e decidir a
verdade ou falsidade de algo sobre a base das probas, no
canto de tentar confirmar as miñas ideas preconcibidas
ou repetir o que académica ou politicamente está “de
moda”.

Cando preparaba o doutorado, a guerra de Vietnam estaba
en pleno apoxeo. Devagar, fun descubrindo que o que me
aprenderan sobre o movemento comunista non era
obxectivo, non era certo. En troca, era propaganda
anticomunista disfrazada de investigación. As probas
foron falsificadas ou ignoradas.

No curso da Guerra Fría, todas as investigacións verbo
do comunismo, da Unión Soviética e de Stalin eran
terribelmente parciais, absolutamente carentes de
obxectividade. Isto continúa a ser así, a despeito da
fin da Guerra Fría. As probas demostran que o que
escriben case todos os “respectábeis” e “principais”
académicos é aínda propaganda comunista disfrazada de
erudición.

No meu primeiro libro, Antistalinskaia Podlost
-Mesquindade anti-Stalin- (Moscova: Algoritm, 2007),
puiden demostrar que practicamente todas as chamadas
'revelacións' sobre Stalin e Lavrentii Beria, outro
xeorxiano, son falsas. Publiquei todas as probas, xa for
no libro ou na Internet, na páxina web que aparece no
libro.

Hoxe continúo na mesma batalla: descubrir a verdade,
baseándome nas mellores probas, independentemente de
esta ser “aceptábel” ou “politicamente correcta”. É
agradábel, incluso divertido. E proporciona resultados
sorprendentes.


GT: Moitos políticos e académicos, inclusive moitos en
Xeorxia, afirman que coa sinatura do Pacto
Ribbentrop-Molotov, o 23 de agosto de 1939, a URSS
acordou coa Alemaña de Hitler invadir Polonia e, por
tanto, consideran a URSS agresora. É así?

GF: Non. En 1939 ningún país no mundo consideraba a URSS
como un agresor. Todos os Aliados, e a Liga das Nacións,
aceptaban as alegacións soviéticas, que eran a defensa
das súas fronteiras e permanecer neutral na guerra
xermano-polaca. Polonia e o seu pobo foron abandonados
polos seus dirixentes políticos e militares.

A posición do goberno soviético era que o Estado polaco
colapsara. Inclusive de rexeitar esta alegación
concreta, os argumentos soviéticos seguen as ser
correctos. En 1958, en plena Guerra Fría, un experto
estadounidense en Dereito Internacional, George
Ginsburgs, persoa pouco amiga a URSS mais un estudoso
obxectivo -algo pouco común daquela e hoxe- determinou
que as accións dos soviéticos respectaban o dereito
internacional (American Journal of International Law,
xaneiro de 1958).

Os que afirman que a URSS non tiña dereito a enviar
tropas a Polonia están a dicir que os soviéticos tiñan
que permitir o avance do exército alemán até as
fronteiras anteriores a 1939. Ningún Estado no mundo
actuaría dese xeito. Nin o demandou a lexislación
internacional.

Repito: non existiu agresión soviética contra Polonia.
Os lectores interesados poden ler o artigo que escribín
en 2009 “Invadiu a Unión Soviética Polonia en setembro
de 1939?”, dispoñíbel en www.tinyurl.com/furr-mlg09 .


GT: Que pasa cos Xuízos de Moscova? Case todos as
autoridades políticas e académicas coidan que Stalin
inventou os cargos contra inocentes acusados nos Xuízos
de Moscova e no “Asunto Tukhachevsky”.

GF: Todas as probas existentes apoian a posición
contraria: que os acusados eran culpábeis, cando menos,
do que confesaron. Non “a maioría das probas”, TODAS
apuntan á súa culpabilidade.

Os “principais” académicos, incluíndo os trotskistas,
dan por feito que os acusados eran inocentes. Mais isto
é así por impoñeren os seus prexuízos políticos sobre as
investigacións. As súas conclusións non son produto das
probas.

As autoridades rusas seguen a manter todos os informes
sobre os acusados nos Xuízos de Moscova como “alto
secreto”. No entanto, co tempo, moito material foi
filtrado. Temos probas dabondo contra Nikolai Bukharin,
principal acusado nos Xuízos de Moscova, e sobre o
chamado “Asunto Tukhachevsky”, que implicaba a altos
mandos militares, para estarmos certos da súa
culpabilidade.

No curso do vindeiro ano, o meu colga Vladimir L.
Brovov, residente en Moscova, e eu publicaremos un
traballo no que mostramos que o informe “rehabilitador”
de febreiro de 1988, no que se declara inocente a
Bukharin, foi falsificado deliberadamente polas
autoridades soviéticas na época de Gorbachev. Este
traballo reproduce suficientes probas, secretas daquela
mais dispoñíbeis agora, que mostran que Bukharin era
culpábel e que as autoridades soviéticas o sabían, mais
preferiron encubrilo.


Por agora, os lectores poden consultar o noso artigo de
2007 na revista rusa Klio (St. Petersburgo) en
www.tinyurl.com/bukharin [Nota: Esta é a ligazón da
versión rusa. Para unha versión en inglés:
www.clogic.eserver.org/2007/Furr_Bobrov.pdf ].

Trotski foi un acusado ausente nos Xuízos de Moscova.
Foi acusado de “terrorismo” -conspiración para o
asasinato de Stalin e outros líderes soviéticos- e de
colaborar coa Alemaña nazi e co Xapón militarista para
tomar o poder na URSS.

En abril de 2010 publiquei “Evidence of Leon Trotsky's
collaboration with Germany and Japan”.

Coas probas diante só existe unha conclusión: Trotski
era culpábel.


GT: Mais que di do asasinato do líder do Partido en
Leningrado, Sergei Kirov, en decembro de 1934? Sen
dúbida, ou foi o propio Stalin quen o planificou ou usou
cinicamente a teoría dun pistoleiro entolecido e
solitario para se desfacer dos seus inimigos políticos.

GF: Khrushchev quería “probar” que Stalin asasinara a
Kirov. Cando inclusivo os seus deshonestos
investigadores non foron quen de o conseguiren, ideou a
teoría do “pistoleiro solitario” para afirmar que Stalin
“usou” cinicamente o asasinato de Kirov para
“incriminar” -acusación falsa- e executar os seus
inimigos.

Todo iso é falso. As evidencias que temos só son
compatíbeis coa hipótese de que Kirov foi asasinado
precisamente polos opositores clandestinos, como eles
confesaron no xuízo e nos interrogatorios preliminares,
algúns deles xa dispoñíbeis.


GT: Case 700.000 persoas foron executadas no período do
“Gran Terror” entre 1937 e 1938. Todos eran “culpábeis”
de algo? E de non ser así, como se explica un masacre
así?

GF: No ano 2005 publiquei un ensaio en dúas partes:
“Stalin e a Loita pola Reforma Democrática”

Desde entón, temos máis probas da “Ezhovshchina” (ás
veces chamado o “Gran Terror”, desde que esta expresión
titulou un deshonesto, mais influínte, libro de Robert
Conquest).

Agora podo ensinar os lectores un resume destas
conclusión con ligazóns ás probas (na tradución inglesa)
en www.tinyurl.com/ezhovshchina .

As recentes evidencias confirman que Nikolai Ezhov, xefe
do NKVD de 1936 até finais de 1938, conspirou tamén cos
alemáns. Como os dereitistas e os trotskistas, Ezhov e
os seus principais colaboradores no NKVD contaban cunha
invasión de Alemaña, Xapón e outros países capitalistas.
Torturaron a moita xente inocente para que confesasen
crimes capitais polos que serían fusilados. Executaron a
moitas persoas por motivos falsos ou sen motivos.

Ezhov coidaba que con estes asasinatos masivos de
inocentes levantarían a boa parte da poboación soviética
contra o goberno. Creando así as condicións para
rebelións internas contra o goberno soviético cando
Alemaña e Xapón atacaran.

Ezhov mentiu a Stalin, ao Partido e aos líderes
gobernamentais sobre todo isto. As realmente
terroríficas execucións masivas, de case 680.000 persoas
entre 1937 e 1938, eran, a maioría, inxustificábeis
execucións de inocentes cometidas deliberadamente por
Ezhov e os seus colaboradores co obxectivo de sementar o
descontento entre a poboación soviética.


GT: Última pregunta. Guste ou non, Stalin é o máis
famoso xeorxiano da historia. Brevemente, cal é a súa
opinión sobre Stalin?

GF: Propoño que xulguemos a Stalin cunha norma que el
mesmo aceptou. Stalin pulou por estudar a Lenin. Quería
construír o socialismo, e despois unha sociedade
comunista dirixida por e para os traballadores, libre de
explotación. Como o conseguiría?

Na miña opinión, Stalin era un fiel seguidor de Lenin.
Era unha persoa de principios, moi intelixente, un
esforzado traballador. Stalin tiña as mellores calidades
dos bolxeviques. Mais Stalin, e todos os que loitaron e
traballaron con el, non conseguiron construír esa
sociedade comunista pola que tanto pularon.

Coido que o resultado sería pouco diferente de Lenin
vivir, ou de Trotski, Zinoviev ou outros dirixiren a
URSS. O fallo non foi que Stalin, os bolxeviques e o
pobo traballador soviético non se esforzaran dabondo.
Que fallaba no seu concepto de construír o socialismo e
despois continuar cara ao comunismo?

A presente xeración, ou a seguinte, debe ser capaz de
aprender dos acertos e erros dos bolxeviques, incluído
Stalin, e camiñar máis lonxe cara aos obxectivos polos
que tan heroicamente loitaron.


GT: Moitas grazas, Dr. Grover Furr.

GF: Doulle as grazas a vostede e aos editores do
Georgian Times.
In:
Estoutra
http://estoutrasnotaspoliticas.blogspot.com.br/2010/09/georgian-times-entrevista-grover-furr.html
23/9/2010

Nenhum comentário:

Postar um comentário